Desde que era pequeno, paso cada día por diante dun garaxe vello en ruinas.

Cando ía ó instituto en bus, pasaba por diante dese garaxe. Cando ía e viña do conservatorio na miña Derby Variant, pasaba por diante dese garaxe. Cada vez que vou tocar coa banda de música, paso por diante dese garaxe. Cada vez que vou ó traballo... si, xusto; paso por diante dese garaxe.

Fai un par de meses, un coche chocou contra a parede dunha vivenda, tamén vella, que hai xusto ó lado (está pegada á N-640).

Os donos, ó ver o estado no que quedou a casa despois do golpe, decidiron derribala por medo a futuros accidentes utilizando unha excavadora.

A excavadora ó seu paso retirou moita maleza e deixou ó descuberto o interior do garaxe en ruinas... pois ben; este sábado, cando volvía do traballo co sono nas olleiras, os meus ollos fixáronse nesas ruinas e localizou esta marabilla entre o lixo.

Trátase dunha Vespa 15O de 1956 que leva polo menos 4 décadas esperando a que o paso do tempo e a humidade fagan ben o seu traballo.

Está completamente destrozada.
Fixádevos na foto: o manillar apunta a Vigo e o cu a Lestedo.

Non sirve para nada. É unha lástima. Un veciño dixo algo así como que "cando eu vin para esta casa alá nos anos '60, xa decían os vellos que era unha moto moi antighua"

O único que se pode aprobeitar é o manillar e a chapa que pon MotoVespa-Madrid

Aínda que... esa, xa é da miña propiedade.